SENTIMENTALISMO
Internacionalismo

"SENTIMENTALISMO é un internacionalismo. Superada a territorialización das ideas políticas, que foi a caracteristica dos nacionalismos decimonónicos, e superadas as dúas teorías redentoristas do s. XX, o comunismo e o fascismo, que deixaron o mundo estrado de cadáveres, os movementos especulativos do capitalismo convertéronse, por riba do poder dos estados, en lobbies supranacionais, que son o verdadeiro poder. A desorde global que a especulación provoca afecta a todas as economías pero iso non quere dicir que esteamos ante forzas desorganizadas ou caóticas.

A mundialización dá lugar a dous movementos contrapostos: un movemento centrípeto de resistencia, orientado á preservación da diversidade, á afirmación das identidades culturais, e outro movemento, diríase centrífugo, orientado á superación dos nacionalismos e das fronteiras dos estados. Non queda o recurso ao illamento, é imposible, e perderon vixencia as teorías nacionalistas e autarquistas dos séculos pasados. A globalización manda, internet manda, estase a construír unha nova mentalidade, o proceso é imparable!

A tensión anuncia a creación dunha nova orde mundial, que agromará da actual situación de conflito e desorde xeralizada. O SENTIMENTALISMO apoia tanto o movemento centrípeto (recoñecemento e preservación da diversidade) coma o centrífugo (creación de organismos mundiais cada vez máis amplos), en ambos casos na medida do humano. Nin a destilación de esencias patrias, que non existen, nin o mito do Gran Irmán, que inventou George Orwel en 1984, nin a sociedade súper controlada de Farenheit 451, de Ray Bradbury, nin Un Mundo Feliz, de Aldous Huxley: unha sociedade aberta, diversa e respectuosa coa liberdade individual, na que a creatividade sexa a expresión dos talentos de cada un. Aquí o SENTIMENTALISMO!

SENTIMENTALISMO é un internacionalismo pero, o noso universalismo, non significa uniformización; antes ben, significa respecto polas diferenzas culturais, pola variedade no máis amplo sentido ecolóxico e humano, e só pode darse a partir dese respecto, que en última instancia se fundamenta no relativismo como método de interpretación da realidade. Desde ese respecto pola diversidade en todos os sentidos, propoñemos o goberno mundial, a través da creación de organismos internacionais permanentes de natureza pública, supraestatais, con plenas competencias en asuntos de interese común, e con plena capacidade de acción sobre as materias delegadas polos estados; en realidade, propoñemos a desaparición dos estados territoriais. Aquí o SENTIMENTALISMO!" (De Rebelde Stil Novo)

contacto
voltar