GRUPO CULTURAL
SENTIMENTALISMO
(Asociación sen ánimo de lucro)

QUE PROPOÑEMOS?

A creación dunha comunidade (social, artística, intelectual) a través das persoas integradas no noso Club de Amigas/os.

Unha colectividade disposta a asumir e promover os nosos Principios Constitucionais e Finalidades, reivindicar as Causas SENT.

Principios constitucionais do SENTIMENTALISMO:

1. Queremos ser conscientes nunha sociedade alienada e consumista que exalta a propiedade como felicidade e o diñeiro como valor exclusivo.
2. Afirmamos, desde a visión individual, unha asioloxía relativista e exploramos novas fórmulas de integración na sociedade, a partir de concepcións autónomas da vida e da arte.
3. Mantemos unha actitude lúdica que entende a vida como xogo (no que se avanza, se retrocédese, gáñase e pérdese) e a arte como o resultado deliberado dun esforzo físico, anímico e espiritual.
4. Defendemos unha vida e unha arte libres, dentro da sociedade, cunha finalidade liberadora da angustia humana.
5. Atendemos os factores sentimentais, con todas as súas implicacións, como principio superior do humano.
6. Asumimos a herdanza do hedonismo filosófico a través da figura do buscador que decide por si mesmo sobre os límites, e as transgresións, do territorio vital.
7. Apreciamos na vida e na arte a aceptación da realidade, pero tamén o humor e as potencias imaxinativas.
8. Apreciamos a auto esixencia artística e a auto disciplina persoal como fórmulas de construción do ser humano e como fonte de autoridade.
9. Valoramos o poder máxico da arte, e o seu carácter demiúrxico e visionario, para deseñar o itinerario da vida e para establecer contacto coa Divindade.
10. Propoñemos a obra vital como arte e como camiño consciente de liberación e transcendencia.

(De Manifesto sentimentalista, páxs. 13 - 14, 2006)


Finalidades do SENTIMENTALISMO:

(Externas)
1. Establecer relacións respectuosas entre as comunidades humanas, entre mulleres e homes, e cos demais seres do Universo.
2. Impoñer a división democrática de poderes, e especialmente contrapoderes, para racionalizar a xestión política do Goberno Mundial.
3. Resolver os problemas nacionais e internacionais a través de parlamentos especializados (sanidade, economía, cultura, etc.) que lexislen para o Goberno Mundial.
4. Mellorar as condicións económicas, físicas e psíquicas da humanidade mediante o reparto equilibrado dos recursos e a súa utilización ao servizo das persoas.
5. Relacionar dereitos persoais e obrigacións sociais procurando a liberdade persoal (autonomía, seguridade xurídica, expresión, libre albedrío, equilibrio natural, etc.) e a xustiza social.
6. Avanzar cara á unidade da humanidade eliminando as fronteiras, sancionando toda discriminación (racial, sexual, laboral, etc.) e favorecendo a mestura de razas.
7. Reivindicar a conciencia individual humana, a vida privada e a intimidade persoal fronte á alienación e ao establecido.
8. Favorecer unha lingua franca de relación mundial sen renunciar ás diversas culturas e linguas propias de instalación.
9. Apreciar a arte e a creatividade como características diferenciais humanas e valorar as súas manifestacións e dimensión transcendental.
10. Asumir a vida como un conflito tensional e fomentar a liberación individual a través da responsabilidade autocrítica, o autodominio e a interacción social.

(Internas)
11. Ofrecer formación intelectual e sentimental a mulleres e homes para axudarlles a superar conflitos e a xestionar, con autocontrol persoal, as tensións da vida.
12. Investigar as enerxías psíquicas, emocións e sentimentos, como centros determinantes da vida humana.
13. Desenvolver técnicas de aprendizaxe e de crecemento persoal relacionadas con emocións e sentimentos.
14. Crear institucións (fundacións, institutos, asociacións, organizacións xuvenís, ONGs, etc.) dedicadas a promover e difundir a liña de pensamento filosófico sentimentalista en todos os ámbitos da sociedade.

Adiante o Rebelde Estilo Novo: SENTIMENTALISMO!
Por un Goberno Mundial de personalidades limpas: SENTIMENTALISMO!
Por unha nova espiritualidade libre: SENTIMENTALISMO!